O Instituto Galego de Consumo invita os membros do seu Colexito a asistir ao Congreso sobre a protección das persoas consumidoras en Galicia, que terá lugar os vindeiros días 25 e 26 de outubro na cidade de Vigo.
O Instituto Galego de Consumo, en colaboración coa Universidade de Vigo, celebrará os vindeiros 25 e 26 de outubro un congreso que ten por obxecto analizar e debater sobre a vixente lexislación galega de protección das persoas consumidoras e usuarias.
Na iniciativa, que terá lugar no salón de graos da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Vigo, participarán como relatores profesores da Facultade de ciencias xurídicas e do traballo da Universidade de Vigo e da Universidade da Coruña, profesionais do mundo da xudicatura e tamén técnicos do propio Instituto Galego de Consumo. O encontro está dirixido a profesionais do Dereito, asociacións de consumidores, estudantes e público en xeral.
Cunha duración total de 7 horas, comezará o día 25 de outubro, ás 16:00 horas, coa intervención do presidente da Audiencia Provincial de Pontevedra, Javier Menéndez Estébanez, que analizará o concepto de persoa consumidora. A continuación, intervirá Rafael Colina Garea, profesor titular de Dereito Civil da Universidade da Coruña, para falar dos dereitos das persoas consumidoras. Despois dunha pausa, a xornada continuará co debate sobre o réxime sancionador por parte de José María Pita Ponte, xefe do Servizo de Protección ao Consumidor do IGC e, finalmente, esta primeira xornada rematará coa análise das cuestións prácticas do réxime sancionador a cargo de Marcos Amboage López, maxistrado do Xulgado contencioso -administrativo nº 2 de Lugo.
A segunda xornada arrancará o día 26 de outubro ás 09:30 horas coa intervención de Esther Pillado González, catedrática de Dereito Procesual da Universidade de Vigo e de Pablo Grande Seara, profesor de Dereito Procesual desa mesma universidade, encargos de falar sobre o Sistema arbitral de consumo. A segunda parte desta xornada, centrada na problemática práctica do Sistema arbitral de consumo, correrá a cargo de Montserrat Rodríguez Varela, inspectora de consumo do IGC, e de José María Pita Ponte, actual secretario da Xunta Arbitral de Consumo de Galicia.